Sedíame eu na illa de San Simón - Socorro Lira

preview_player
Показать описание
Alalá nº 158: "Cores do Atlántico"
Emisión en Televisión de Galicia: 12/10/2010

CORES DO ATLÁNTICO
Cores do Atlántico é un traballo divulgativo-musical sobre as cantigas de amigo que ofrece unha nova perspectiva do xénero máis autóctono da nosa lírica medieval, desde unha dobre dimensión: a interpretación teórica da catedrática holandesa Ria Lemaire Mertens e a interpretación musical da cantautora brasileira Socorro Lira xunto doutros artistas da lusofonía. Ilustrado polo artista plástico Quique Bordell.

LÍRICA GALAICO-PORTUGUESA.
Produciuse durante un período duns 150 anos, que xeralmente vai desde finais do século XII ata mediados do século XIV.
É o resultado dunha mestura de poesía autóctona e tradición cortesán provenzal, que gozaba daquela de grande prestixio. A influencia provenzal chegou polo Camiño de Santiago.
Pódense distinguir tres tipos de cantigas pola temática:
Cantigas de amor - Semellantes ás provenzais, nas que un señor expresa os seus amores.
Cantigas de amigo - De tradición autóctona, inexistentes na lírica provenzal, nas que a namorada relata a súa ansiosa espera polo seu amante ante un próximo confidente.
Cantiga de escarnio ou maldicir - Cancións de burla, con crítica satírica a un personaxe.
CANTIGAS DE AMIGO.
Dentro deste xénero recoñécense diferentes variantes temáticas.
Danzas - Expresan a alegría de amar e vivir, con métricas e ritmos que animan a bailar, e nos que os paralelismos e as repeticións responden á existencia de dúas voces ou coros que se alternan na execución segundo un formato moi tradicional.
Barcarolas ou mariñas - Cantigas nas que unha namorada espera por un namorado a beira do mar e ten ao mar como confidente.
Alboradas - Falan da separación dos namorados na madrugada.
Peregrinación - Moi propias da lírica galega portuguesa, que ambientan expectativas amorosas nunha romaría a un santuario ou unha ermida.
Os personaxes destas cantigas son:
A namorada - É a protagonista da composición que sofre pola ausencia do seu namorado. Nas Cantigas represéntanse diversos tipos de psicoloxía feminina: a inxenua, a narcisista, a esquiva ou vingativa.
A Nai - Xeralmente non aproba o encontro da filla co seu amante, ou tende a educala coa súa experiencia en relacións amorosas, ou ás veces provoca conflitos entre os amantes.
A confidente - Poden ser amigas, a nai ou elementos da natureza (paxaros, ondas, flores...).
A estrutura destas cantigas é a seguinte:
Presentan refráns, paralelismo e leixaprén.
Refrán - É un verso ou versos que se repiten ao final de cada estrofa.
Paralelismo - É unha repetición de versos na que unha palabra rimada é substituída por un sinónimo.
Leixaprén ( significa deixar-coller) - É a repetición dos segundos versos dun par de estrofas, como o primeiro da seguinte parella.

MENDINHO.
Foi un xograr galego medieval, do que só temos unha, pero extraordinaria, cantiga de amigo, cuxo escenario é a ermida de San Simón, na Ría de Vigo.
A pesar da calidade desta cantiga, unha das máis salientables de toda a lírica galego-portuguesa, a súa identidade e biografía son aínda case totalmente descoñecidas.

SEDIA-M´EU NA ERMIDA DE SAN SIMION
Pertence ao xénero da Cantiga de Amigo e ao subxénero da Barcarola ou Mariña.
Unha rapaza relata que foi a atoparse co seu amado na illa de San Simón, na capela diante do altar, mais esperándoo subiu a maré e non ten xeito de saír da illa, xa que aínda que parece que ten unha barca non sabe remar e non hai un barqueiro dispoñíbel (supoñemos que á illa chegou a pé e que tiña unha barca para voltar co seu amante). No final conta que vai morrer fermosa, o que é unha esaxeración, xa que a illa de San Simón está moi perto da terra e só ten que esperar a que volva a baixar a maré para cruzar a terra.

A estrutura que emprega é a seguinte:
Refrán.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
Paralelismo.
Verso tres da primeira estrofa (e cercaron-mi as ondas, que grandes son.) e verso dous da segunda estrofa (cercaron-mi as ondas grandes do mar.)
Leixaprén.
Verso dous da segunda estrofa (cercaron-mi as ondas grandes do mar.) e verso un da terceira estrofa (E cercaron-mi as ondas, que grandes son;).

Sedia-m'eu na ermida de San Simion
Sedia-m'eu na ermida de San Simion,
e cercaron-mi as ondas, que grandes son.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!

Estando na ermida ant'o altar,
cercaron-mi as ondas grandes do mar.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!

E cercaron-mi as ondas, que grandes son;
non ei i barqueiro nen remador.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!

E cercaron-mi as ondas do alto mar;
non ei i barqueiro, nen sei remar.
...Eu atendend'o meu amigo! 
...Eu atendend'o meu amigo!

Non ei i barqueiro nen remador:
morrerei, fremosa, no mar maior.
...Eu atendend'o meu amigo! 
...Eu atendend'o meu amigo!

Non ei i barqueiro, nen sei remar:
morrerei, fremosa, no alto mar.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
Рекомендации по теме
Комментарии
Автор

Fermosa cantiga de amigo e bela voz cunha explicación rigorosa destas cantigas medievais.

VismaHerba
visit shbcf.ru